Saturday 04 de May de 2024

A ordenanza reguladora da instalación será levada ao pleno do luns


Dez emprendedores poderán utilizar os servizos do Viveiro de Empresas de Riveira durante un tempo inicial de dous anos

Esta mesma semana o Concello de Riveira recepcionou as obras do Viveiro de Empresas e o vindeiro luns será levada ao pleno da Corporación (hoxe publícase ademais na sección web de participación cidadá Lexisla con Nós) a ordenanza reguladora desta infraestrutura, construída co fin de contribuír á creación de iniciativas económicas que potencien e diversifiquen o tecido empresarial de Riveira e permitan xerar riqueza e emprego na localidade.

O servizo fundaméntase en ofrecer, a través dun réxime de aluguer temporal, un espazo físico equipado para o funcionamento do negocio e unhas instalacións comúns. Neste senso, o viveiro, situado en Fafián nas instalacións reformadas do antigo matadoiro, consta dunha superficie de 362 metros cadrados distribuídos en 10 despachos de entre 10 e 15 metros cadrados, sala de usos múltiples, sala de reunións, aseos e zonas comúns.

Os usuarios recibirán servizos de asesoramento e formación en canto ao estudo e análise de proxectos: asesoría xurídica, fiscal e laboral; apoio na busca de financiación e apoio á consolidación.

Beneficiarios
De acordo coa normativa, poderán ser beneficiarios as empresas que comecen a súa actividade no propio viveiro, as de recente creación (xa existentes cunha antigüidade máxima do negocio de 24 meses dende o inicio da actividade ata a presentación da solicitude), as empresas xa constituídas cunha antigüidade superior aos 24 meses e os emprendedores que precisen un espazo adecuado para estudar e preparar o seu proxecto.

No que respecta ao seu modelo de xestión, a ordenanza prevé no seu artigo 2.6 que “o servizo […] poderá ser xestionado directa ou indirectamente polo Concello de Riveira, por calquera das formas admitidas polo Ordenamento Xurídico”, en tanto que a selección dos beneficiarios poderán ser realizada por dous métodos (artigo 5.1): convocatoria pública conxunta, total ou parcial, dos espazos do viveiro, ou ben convocatoria continua en función das vacantes e demandas existentes. O órgano competente para a resolución dos procedementos de selección será a Xunta de Goberno Local, previo informe do grupo de estudo que se designe ao efecto e conforme a unha serie de criterios que inclúen a viabilidade técnica e económica da actividade, os postos de traballo indefinidos xerados, o carácter innovador da actividade, se é unha empresa nova ou recente, se os promotores son veciños de Riveira ou doutros concellos de Arousa Norte e Porto do Son, e se algún dos promotores está en situación de desemprego (artigo 8.1). As empresas que non sendo seleccionadas non cumpran os requisitos pasarán a unha listaxe de espera.

O prazo máximo de estancia no viveiro é inicialmente de dous anos, podéndose prorrogar nun ano máis no caso de que haxa vacantes. Non obstante, co fin de apoiar aquelas empresas que necesiten algún tempo máis para a consolidación do seu negocio, excepcional e xustificadamente, poderá incrementarse este prazo por un ano máis, previa solicitude e fundamentación do interesado.

Tocante aos prezos, o prezo do local será de 75 euros mensuais, cabendo así mesmo a facultade de alugar a sala de usos múltiples por 35 euros durante unha semana ou por 75 se é un mes.

Viveiro virtual
O regulamento tamén prevé a posibilidade da constitución dun viveiro virtual, en función da capacidade do Concello, ao que poderán acollerse tanto viveiristas que deixen a instalación como empresas en proxecto ou xa constituídas que non precisen, polas características da súa actividade empresarial, dun espazo físico onde ubicarse, pero si a infraestrutura, loxística e servizos que o viveiro oferta.

Os emprendedores que se acollan a esta fórmula poderán beneficiarse da utilización gratuíta da sala de reunións tres veces ao mes e o acceso aos servizos de asesoramento e aos programas de formación e información das actividades que se promovan, ademais de poder utilizar determinados servizos comúns como é o caso da reprografía.